EDL do IES MANUEL MURGUÍA - Contáctanos

DSC_0007

DÍA DOS NAMORADOS 2019

febrero 18, 2019 by EXPOSICIÓNS, POESÍA Sen comentarios

Como cada ano os vosos compañeiros e compañeiras deléitannos cos seus versos de amor neste Día dos Namorados. Podedes lelos na nosa páxina, na sección Blog, ou nos corredores de entrada á biblioteca, onde os temos recollidos en papel. Agardamos que vos gusten e animámosvos a participar!!

DSC_0013

EROSKI-PARAÍSO

febrero 7, 2019 by TEATRO Sen comentarios

O alumnado de 1º de Bacharelato puido asistir a unha magnífica obra teatral que se representou no centro ÁGORA da Coruña. Tratouse dunha actividade organizada polo Equipo de Dinamización Lingüística e o Departamento de Actividades de Biblioteca do IES Manuel Murguía, que se desenvolve dentro do programa de saídas que levamos a cabo ó longo do curso e que ten como principal obxectivo achegar a rapazada do centro á realidade cultural que nos rodea. Neste caso falamos dunhas desas grandes obras ás que nos ten acostumado o grupo Chévere. Falamos de EROSKI-PARAÍSO, un traballo que ademais de divertirnos, fainos reflexionar sobre o mundo no que vivimos e os cambios sociais e económicos que se están a producir na nosa contorna. Agradecemos ao Concello da Coruña as facilidades para poder asistir á mesma, e por suposto ao alumnado que unha vez máis demostrou un comportamento excelente. Moitas grazas a todas e todos!!! Agardamos que vos [...]

DSC_0305

EXPOSICIÓN MANUEL MARÍA E O RÍO MIÑO

enero 16, 2019 by EXPOSICIÓNS, POESÍA Sen comentarios

Na entrada da biblioteca escolar do IES Manuel Murguía podedes contemplar unha exposición sobre o río Miño e a súa presenza na obra do autor de Outeiro de Rei. Temos que agradecerlle á Fundación Casa-Museo Manuel María que nos cedera os paneis de xeito totalmente desinteresado. Agardamos que vos guste!

DSC_0286

O ESCRITOR MANUEL NÚÑEZ SINGALA VISITA O MURGUÍA

diciembre 18, 2018 by NOVELA, VARIOS Sen comentarios

Esta semana tivemos a oportunidade de contar no noso instituto coa presenza do escritor Manuel Núñez Singala, que nos explicou o proceso de creación da súa última novela, Noite de temporal. Nesta obra cóntasenos o naufraxio real do vapor Santa Isabel, coñecido como o Titanic galego, e a posterior intervención heroica dos habitantes de Sálvora e Ribeira, que arriscaron as súas vidas para tentar rescatar aos náufragos. Esta obra é unha homenaxe a esa xente que non dubidou en botarse ao mar no medio dunha treboada para axudar aos demais. O autor tivo a amabilidade de asinar libros e contestar ás preguntas que lle formulou a rapazada do centro.   Moitas grazas a Manuel Núñez Singala e a Ánxela, a representante da editora Santillana, que fixo posible a súa visita.  

DSC_0272

EXPOSICIÓN SOBRE ROSALÍA DE CASTRO NO IES MANUEL MURGUÍA.

noviembre 27, 2018 by EXPOSICIÓNS, POESÍA, VARIOS Sen comentarios

A partir do día 27 de novembro e até o 14 de decembro poderedes visitar a exposición sobre Rosalía de Castro, que estará ubicada no segundo andar do edificio novo (nos corredores das aulas de Bacharelato). Debemos agradecer a cesión da mesma á Fundación Manuel María de Outeiro de Rei, que nola enviou de maneira totalmente desinteresada. Convidámosvos a visitala e a sacarlle proveito!  

DSC_0135

CASTELAO MAXISTRAL. A DERRADEIRA LECCIÓN DO MESTRE.

noviembre 20, 2018 by VARIOS Sen comentarios

O alumnado do noso instituto achegouse á sempre recomendable cidade compostelá para contemplar esta magnífica obra que Castelao pintou como homenaxe a Alexandre Bóveda, e a todos aqueles que foron asasinados durante a represión franquista. Tratábase dunha oportunidade única, xa que este cadro regresará a Arxentina proximamente. O alumnado tamén tivo a oportunidade de pasear pola cidade e gozar dos seus monumentos e da súa gastronomía. A visita completámola achegándonos ao Museo das Peregrinacións. Queremos agradecer aos guías da Exposición Castelao Maxistral, e do Museo das Peregrinacións, a súa profesionalidade e as magníficas explicacións coas que nos deleitaron. Grazas tamén ao alumnado polo seu exemplar comportamento!

DSC_0070

O IES MANUEL MURGUÍA DI NON Á VIOLENCIA MACHISTA

noviembre 20, 2018 by VARIOS Sen comentarios

O noso instituto quere expresar a súa repulsa a todo acto de violencia machista, polo que durante esta semana queremos homenaxear a todas aquelas mulleres asasinadas, vítimas deste tipo de violencia. Por isto durante esta semana estamos a realizar lecturas de poemas, proxeccións e actos de concienciación para o alumnado e toda a comunidade educativa, co obxectivo de que esta situación mude. Non permitamos que ningunha muller máis se convirta en vítima! NON Á VIOLENCIA MACHISTA!!    

Baixa (14)

MUTANTE CREATIVO E O NOSO ALUMNADO DÉIXANNOS UN FERMOSO MURAL NO MURGUÍA.

octubre 16, 2018 by BANDA DESEÑADA, VARIOS Sen comentarios

Esta semana estiveron connosco os polifacéticos artistas de MUTANTE CREATIVO, moi activos e coñecidos no mundo do graffiti e o muralismo, dentro e fóra das nosas fronteiras. Ademais son responsables da organización de eventos tan coñecidos neste eido como os festivais:  DesOrdes Creativas (Ordes), ou RExenera Fest (Carballo), por poner algún exemplo. Sokram e Mou impartiron un obradoiro de arte urbana, no que explicaron a historia desta corrente plástica, e ensináronlle, de maneira práctica, á rapazada do IES MANUEL MURGUÍA como se realiza un mural. Familiarizámonos co uso de aerosois e como resultado deixáronnos un excelente traballo que podedes ver nas fotos que engadimos máis abaixo. Temos que agradecer tamén á Deputación da Coruña a súa colaboración connosco a través da campaña “O galego a nosa lingua propia”, por facer posible esta actividade. Moitas grazas a toda a xente que participou dun xeito ou outro nesta actividade!!

DSC_0459

FERMOSO AGASALLO DA PROFESORA ROSA MOSQUERA COTO

octubre 14, 2018 by POESÍA, VARIOS Sen comentarios

Esta semana a nosa queridísima compañeira, a profesora Rosa Mosquera Coto, entregounos un magnífico libro, elaborado de xeito artesanal por ela mesma, onde se recollen os traballos poéticos que o noso alumnado realizou no mes de febreiro de 2018, co gallo da celebración do Día dos Namorados. Neste volume II, continuación  daquel co que ela tamén nos agasallou no 2017, os mozos e mozas do IES Manuel Murguía amósannos que en Arteixo hai futuro para a poesía. Convidámosvos a que veñades á nosa biblioteca, para ver o exemplar deste ano e tamén o do ano anterior, ambos de belísima factura.   MIL GRAZAS, ROSA!!! NON TE ESQUECEMOS!!!  

DSC_0030

RECITAL POÉTICO DE PURA TEJELO NO IES MANUEL MURGUÍA

junio 3, 2018 by POESÍA Sen comentarios

Hoxe, tivemos o inmenso pracer de que volvera ó noso instituto a profesora e compañeira , Pura Tejelo. A autora de A elegancia do século (obra coa que gañou o Premio Johán Carballeira no ano 2016), fixo as delicias dos presentes no acto cun magnífico recital poético, acompañada de antigos alumnos, e unha excelente análise da obra. Tamén tivo tempo para falar distendidamente coa rapazada sobre poesía e curiosidades relacionadas co mundo literario. Foi un acto moi emotivo e que nos colmou de ledicia. Queremos agradecer aos asistentes ao acto o seu comportamento, e a Pura Tejelo a súa simpatía. Tamén desexamos felicitala pola segunda edición deste magnífico libro. Moitas Grazas!!!    

DSC_0026

PRESENTACIÓN DO DOCUMENTAL VÉRTICE DE VERSOS E ENTREGA DE PREMIOS DO EDL

junio 3, 2018 by POESÍA Sen comentarios

O director de cine, Carlos Lorenzo, presentou no noso centro o excelente traballo documental, VÉRTICE DE VERSOS. Trátase dun filme que dá conta do fantástico momento que vive a nosa poesía, xurdida da man de poetas novos que están conquistando, non só lectores en Galicia, senón tamén máis aló das nosas fronteiras. A profesora Teresa Seara foi quen conduciu a presentación e fixo posible que esta obra se proxectara no IES Manuel Murguía. Aproveitando a ocasión, pedímoslle a Carlos que fixera entrega dos premios do Equipo de Dinamización Lingüística, ó que accedeu moi amablemente. Os galardoados foron: -David Sánchez Ferrol, como gañador do II Certame de Poesía Viveiro de Poetas do IES Manuel Murguía. -Azahara Díaz Rodríguez, vencedora no II Certame de Deseños Adhírete ás Letras. -Verónica Rodríguez Rossi, accésit no certame de debuxos citado arriba.

DSC_0003

ESTÍBALIZ ESPINOSA NO IES MANUEL MURGUÍA

junio 3, 2018 by POESÍA Sen comentarios

O 2 de maio tivemos a sorte de que nos visitara a poeta Estíbaliz Espinosa, que no seu currículo xa conta con premios como o Esquío, Espiral Maior, ou recentemente, o premio Afundación. Falamos dunha escritora que conxuga á perfección literatura e ciencia, como o demostra nalgunhas das súas obras:  número e, Zoommm,  ou  Curiosidade; por citar algún título da súa importante produción poética. A conferencia xirou arredor do mundo da ciencia, a astronomía e sobre todo da relevancia de grandes mulleres, aínda hoxe esquecidas, no ámbito científico. O alumnado de 1º Bacharelato puido así achegarse a un mundo onde os números e as letras se conxugan de maneira maxistral, da man desta excelente autora. Moitas grazas, Estíbaliz. Agardamos que vos gustara!  

DSC_0328

MARÍA CANOSA ESTIVO NO MURGUÍA

abril 13, 2018 by NOVELA, VARIOS Sen comentarios

O 13 de abril estivo no IES Manuel Murguía a escritora María Canosa que nos agasallou coa súa simpatía e falou co alumnado sobre unha das obras que tiveron que ler neste curso en 1º ESO: O neno Inverno. A rapazada puido preguntar sobre a novela e todo aquilo que a rodea, ademais de interesarse polo oficio de escribir e a vida da autora. Agardamos que vos gustara e aproveitamos para agradecer de corazón a visita a María Canosa.   Moitas Grazas!!!  

DSC_0263

O ESCRITOR XAVIER ALCALÁ VISITOU O MURGUÍA

abril 4, 2018 by VARIOS Sen comentarios

O 4 de abril estivo no noso instituto o escritor Xavier Alcalá, charlando co alumnado de 4º ESO, sobre a súa vida e tamén sobre a novela Cárcere Verde coa que traballamos este curso. Esta visita é froito, unha vez máis, da colaboración entre o Departemento de Actividades de Biblioteca, Club de Lectura, Equipo de Dinamización Lingüística e Departamentos de Lingua Galega e de Lingua Castelá. Agardamos que vos gustara!

DSC_0258

O LIBRO E A LECTURA EN FRASES DE AUTORES E PENSADORES

marzo 17, 2018 by EXPOSICIÓNS, VARIOS Sen comentarios

Aquí tedes algunhas mostras dos adhesivos con frases sobre o mundo da lectura que fomos colocando nas portas das aulas. Convidámosvos a que as leades e reflexionedes sobre elas. Trátase dunha actividade do Equipo de Dinamización Lingüística do noso instituto en colaboración co Departamento de Actividades de Biblioteca e co Club de Lectura. Agardamos que vos gusten!

DSC_0103

LUCÍA ALDAO E MARÍA LADO AGASÁLLANNOS COA SÚA POESÍA

enero 24, 2018 by MÚSICA, POESÍA Sen comentarios

O mércores 24 de xaneiro estiveron connosco o dúo AldaoLado para dar a coñecer ó noso alumnado a súa fermosa poesía por medio dunha actuación chea de humor, música e creatividade. A rapazada do Manuel Murguía puido decatarse de que a poesía pode ser un produto accesible e divertido, algo que tanto Lucía como María deixaron moi claro cunha actuación que nos fixo rir e emocionarnos. Agradecemos dende o Equipo de Dinamización Lingüística, Club de Lectura e Departamento de Actividades de Biblioteca, o comportamento exemplar do rapaces e rapazas, e por suposto, tamén damos as grazas ás poetas polo traballo ben feito, desexando que volvan por Arteixo moi pronto. Queremos agradecer tamén ó concello de Arteixo a cesión do Centro Cívico para este recital. Agardamos que vos gustara!!!

DSC_0076

GAÑADORAS DO CERTAME “MEDO ME DÁS!”

diciembre 16, 2017 by VARIOS Sen comentarios

  O 4 de decembro tivo lugar na biblioteca do centro a entrega de premios do certame de relatos Medo me dás! As gañadoras foron: 1º Premio: Lucía Méndez Carracedo,  de 4º C ESO. 2º Premio: Estela Varela Souto, de 1º E ESO. Parabéns!!

DSC_0006

LIBRO COS VOSOS POEMAS, ELABORADO POLA PROFESORA ROSA MOSQUERA COTO

noviembre 3, 2017 by POESÍA Sen comentarios

Amigos lectores, a profesora Rosa Mosquera Coto agasallounos con esta obra de arte que contén os vosos traballos sobre o amor que realizastes o ano pasado. En breve, poderedes consultalo e ver impresos os vosos textos. Moitas grazas, Rosa, e por extensión a todo o Departemento de Actividades da Biblioteca, que sempre colabora co EDL do Murguía. Aquí vos deixamos algunhas fotos.

DSC_0339

ENTREGA DE PREMIOS DO EDL DO CENTRO E BIBLIOTECA

mayo 17, 2017 by POESÍA, VARIOS Sen comentarios

O día 16 de maio fixemos entrega dos premios dos certames de poesía e deseños convocados polo EDL do centro, en colaboración co Departamento de Actividades de Biblioteca. Tamén se leron textos de Carlos Casares e recoñeceuse con agasallos o traballo do alumnado na elaboración de caligramas e aos finalistas do certame de poesía non premiados. Agardamos que vos gustase o acto. Parabéns a tod@s!!!  

DSC_0241

Exposición sobre Carlos Casares na Biblioteca.

mayo 8, 2017 by EXPOSICIÓNS, VARIOS Sen comentarios

Convidámosvos a visitar a biblioteca do centro, onde temos unha fermosa exposición sobre Carlos Casares: libros, debuxos, obxectos relacionados coa súa vida… Aquí vos deixamos unhas fotos para abrir boca.