EDL do IES MANUEL MURGUÍA - Contáctanos

Tiralle da lingua 2015

Segundo premio no Tíralle da lingua 2015

Un ano máis o IES Manuel Murguía acudiu á gran cita do Tíralle da lingua, a final que cada ano se celebra no IES Rosalía de Castro de Santiago, nun salón de actos ateigado de rapaces. Este ano houbo monólogos excepcionais, coma sempre, e un deles foi “Clases de idiomas”, que levou o segundo premio da categoría de segundo ciclo da ESO. Parabéns a David Cristóbal ‘Nano’ e a Joel García por darnos esas claves para aprender novos idiomas e polas súas táboas no escenario!

Peter Punk trae a risa ao Manuel Murguía

abril 25, 2015 by ACTIVIDADES, NO ESCENARIO No Comments

“Chungo, chungo que te cagas” é a frase máxica que soou e resoou este venres no Salón de actos do IES Manuel Murguía. Peter Punk fixo que as risas resoaran en todo o instituto co seu humor absurdo, nun espectáculo ao que contribuíron con gran sentido do humor varios dos nosos alumnos. Pero é que ademais deixounos a todos coa boca aberta coa súa destreza facendo globoflexia e coas súas habilidades como malabarista coas bólas, mazas e ata con fachos de lume. Menos mal que o churrasco final non acabou coa vida de ninguén Non hai mellor maneira para despedir unha semana que co bo humor e co riso aberto. Non deixedes de ver o vídeo no que se recollen algúns dos mellores momentos deste espectáculo.

‘Low costo’, segundo premio en CinEOI 2015

Onte unha das curtametraxes realizadas pola produtora audiovisual do noso instituto, Producións Fala de Raio, alzouse co segundo premio da categoría xuvenil do Certame de curtametraxes CinEOI Coruña Curtas. ‘Low costo‘ recrea o tráfico de haxix nunha banda de adolescentes. Parabéns a Héctor Rodríguez, o director e a alma deste proxecto, a Bieito Romero, coguionista, a Alba Torres, axudante de dirección e maquilladora, aos actores Antonio Vázquez, Mario Álvarez, Daniel González, Carlos Sánchez, Raúl Dasilva e Pedro Quintana, e ao sonidista Yago Muñiz, todos eles alumnos de 1ºBAC do noso IES Manuel Murguía. Non deixedes de ver este excepcional traballo. No Facebook de Fala de raio podedes ver fotos da gala, cos rapaces co actor e humorista Xosé Antonio Touriñán (a famosa Mucha das Cantareiras de Ardebullo). Tamén tedes aquí o vídeo do momento en que Héctor recibe o premio na gala.  

Peter-Punk no IES Manuel Murguía

Peter Punk, risa e clown

abril 22, 2015 by ACTIVIDADES, NO ESCENARIO No Comments

Peter Punk é o mellor pallaso galego do momento, o máis fresco e o máis gamberro. Tamén un dos máis internacionais, pois os seus espectáculos xa xiraron por medio mundo. Se queredes saber máis sobre el visitade a súa páxina web. Este venres pola mañá traerá a risa ao noso instituto coa función A Chungatrona, horas antes doutro espectáculo diferente que esa mesma tarde leva ao novo centro cultural de Meicende. Preparádevos para rir a esgalla: o venres 24 de abril, ás 12.40h, no Salón de Actos do IES Manuel Murguía.

‘Low costo’, para abrir boca

Velaquí tedes o tráiler da curtametraxe ‘Low costo’, unha idea de Héctor Rodríguez e de Bieito Romero, alumnos de 1º BAC C do noso instituto. O mércores 22 de abril asistiremos á gala de entrega de premios de CinEOI Coruña Curtas con dúas curtas, ‘Low costo’ e ‘Novos veciños’. Producións Fala de Raio participa de novo na categoría xuvenil deste certame audiovisual, que nesta ocasión conta con Antonio Touriñán, ‘Mucha’, como presidente de honra. Presentarémosvos estas curtametraxes, e outras que están a piques de saír do forno, na II Gala Audiovisual Fala de Raio. Manterémosvos informados, pero por agora ide abrindo boca con este trailer! E parabéns aos seus creadores! Os alumnos deste instituto nunca deixan de sorprendernos!

O mércores, entrega de premios de CinEOI Coruña Curtas

Un ano máis os alumnos de 1º BAC do noso instituto, a través da nosa produtora audiovisual Producións Fala de raio, participan na categoría xuvenil do certame CinEOI Coruña Curtas. A ver se este ano temos sorte, coma o ano pasado, e levamos de novo algún premio. Este concurso vai xa pola súa quinta edición, e celebrará a súa tradicional gala de premios o vindeiro mércores 22 de abril no Salón de Actos da Escola Oficial de Idiomas da Coruña. Este ano o acto contará coa presenza do humorista Xosé Antonio Touriñán, famoso polo seu papel de Mucha nas “Cantareiras de Ardebullo”. Touriñán ten unha proba dura recollendo o relevo como presidente de honra dos que xa o foron nas edicións pasadas: nada menos ca Luís Tosar no ano 2012, Luís Iglesia no 2013 e Isabel Blanco no 2014. Como sempre, e como se pode ver na curta promocional, premiarase a imaxinación, a creatividade, o compromiso e o humor, por riba do dominio técnico, como lle corresponde a un concurso no que se convida á participación de alumnos das escolas de idiomas e dos institutos e escolas.  

tiralle da lingua 2015 - seleccion IES Manuel Murguia (3)

Xa temos representantes para a final do Tíralle da Lingua!

Parabéns aos valentes participantes e gañadores na primeira fase do certame de narración oral Tíralle da Lingua! Xa sabedes que agora representarán ao Manuel Murguía na fase final que terá lugar no IES Rosalía de Castro de Santiago. Manterémosvos informados sobre como se desenvolva a nova edición (que será a décimo quinta!) desta festa da palabra. Non deixedes, polo tanto, de animar a Jennifer Gil, Yao Gómez e Nicolás Paz, premiados na categoría de “Primeiro ciclo de ESO”  e mais a Daniel Álvarez, Daniel Romero, David-Nano Cristóbal e Joel García, na categoría “Segundo ciclo de ESO”. Podes ver todas as fotos no Facebook.

bases tiralle da lingua 2015

Fase preliminar do Tíralle da lingua

O luns ás 10.30 h, no Salón de actos do instituto, terá lugar a fase preliminar do concurso Tíralle da lingua, que a AS-PG convoca por décimoquinta ocasión. Os alumnos seleccionados para representar o IES Manuel Murguía asistirán á final galega de narrativa oral que terá lugar no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela o día 28 de abril. Os premios son de 250 € para o gañador de cada categoría e de 150 € para o segundo. Participade!