EDL do IES MANUEL MURGUÍA - Contáctanos

A choiva nas túas pestanas

Dis que amas a choiva pero abres o teu paraugas cando chove, mentres as gotas se coan polas túas pestanas. E quen me dera ser elas, para poder ir morrer á túa boca.

Pero deixemos por un momento esas cousas de lado e dime: como se inspira a xente para escribir unha carta de amor?

Non minto se che digo que mentres penso nunha resposta a miña mente só se centra nos teus ollos, porque xúroche que nin no infinito do universo hai estrela que brille máis ca eles.

Non me xulgues, xa sei que non é esta a forma de escribirche poesía, pero éme inevitable imaxinarme rozando o latexo do teu corazón, reducindo todo así a unha única sensación. A min queréndote.

E xa que decidín recordar como aquel día me bicaches, podo deducir que se no meu mundo ti es todo, iso baste como resposta.

 

Carla Rodríguez Varela, Antía Corral Ricoy  4ºE