EDL do IES MANUEL MURGUÍA - Contáctanos

Tiralle da lingua 2015

Segundo premio no Tíralle da lingua 2015

Un ano máis o IES Manuel Murguía acudiu á gran cita do Tíralle da lingua, a final que cada ano se celebra no IES Rosalía de Castro de Santiago, nun salón de actos ateigado de rapaces. Este ano houbo monólogos excepcionais, coma sempre, e un deles foi “Clases de idiomas”, que levou o segundo premio da categoría de segundo ciclo da ESO. Parabéns a David Cristóbal ‘Nano’ e a Joel García por darnos esas claves para aprender novos idiomas e polas súas táboas no escenario!

‘Low costo’, segundo premio en CinEOI 2015

Onte unha das curtametraxes realizadas pola produtora audiovisual do noso instituto, Producións Fala de Raio, alzouse co segundo premio da categoría xuvenil do Certame de curtametraxes CinEOI Coruña Curtas. ‘Low costo‘ recrea o tráfico de haxix nunha banda de adolescentes. Parabéns a Héctor Rodríguez, o director e a alma deste proxecto, a Bieito Romero, coguionista, a Alba Torres, axudante de dirección e maquilladora, aos actores Antonio Vázquez, Mario Álvarez, Daniel González, Carlos Sánchez, Raúl Dasilva e Pedro Quintana, e ao sonidista Yago Muñiz, todos eles alumnos de 1ºBAC do noso IES Manuel Murguía. Non deixedes de ver este excepcional traballo. No Facebook de Fala de raio podedes ver fotos da gala, cos rapaces co actor e humorista Xosé Antonio Touriñán (a famosa Mucha das Cantareiras de Ardebullo). Tamén tedes aquí o vídeo do momento en que Héctor recibe o premio na gala.  

‘Low costo’, para abrir boca

Velaquí tedes o tráiler da curtametraxe ‘Low costo’, unha idea de Héctor Rodríguez e de Bieito Romero, alumnos de 1º BAC C do noso instituto. O mércores 22 de abril asistiremos á gala de entrega de premios de CinEOI Coruña Curtas con dúas curtas, ‘Low costo’ e ‘Novos veciños’. Producións Fala de Raio participa de novo na categoría xuvenil deste certame audiovisual, que nesta ocasión conta con Antonio Touriñán, ‘Mucha’, como presidente de honra. Presentarémosvos estas curtametraxes, e outras que están a piques de saír do forno, na II Gala Audiovisual Fala de Raio. Manterémosvos informados, pero por agora ide abrindo boca con este trailer! E parabéns aos seus creadores! Os alumnos deste instituto nunca deixan de sorprendernos!

O mércores, entrega de premios de CinEOI Coruña Curtas

Un ano máis os alumnos de 1º BAC do noso instituto, a través da nosa produtora audiovisual Producións Fala de raio, participan na categoría xuvenil do certame CinEOI Coruña Curtas. A ver se este ano temos sorte, coma o ano pasado, e levamos de novo algún premio. Este concurso vai xa pola súa quinta edición, e celebrará a súa tradicional gala de premios o vindeiro mércores 22 de abril no Salón de Actos da Escola Oficial de Idiomas da Coruña. Este ano o acto contará coa presenza do humorista Xosé Antonio Touriñán, famoso polo seu papel de Mucha nas “Cantareiras de Ardebullo”. Touriñán ten unha proba dura recollendo o relevo como presidente de honra dos que xa o foron nas edicións pasadas: nada menos ca Luís Tosar no ano 2012, Luís Iglesia no 2013 e Isabel Blanco no 2014. Como sempre, e como se pode ver na curta promocional, premiarase a imaxinación, a creatividade, o compromiso e o humor, por riba do dominio técnico, como lle corresponde a un concurso no que se convida á participación de alumnos das escolas de idiomas e dos institutos e escolas.  

tiralle da lingua 2015 - seleccion IES Manuel Murguia (3)

Xa temos representantes para a final do Tíralle da Lingua!

Parabéns aos valentes participantes e gañadores na primeira fase do certame de narración oral Tíralle da Lingua! Xa sabedes que agora representarán ao Manuel Murguía na fase final que terá lugar no IES Rosalía de Castro de Santiago. Manterémosvos informados sobre como se desenvolva a nova edición (que será a décimo quinta!) desta festa da palabra. Non deixedes, polo tanto, de animar a Jennifer Gil, Yao Gómez e Nicolás Paz, premiados na categoría de “Primeiro ciclo de ESO”  e mais a Daniel Álvarez, Daniel Romero, David-Nano Cristóbal e Joel García, na categoría “Segundo ciclo de ESO”. Podes ver todas as fotos no Facebook.

bases tiralle da lingua 2015

Fase preliminar do Tíralle da lingua

O luns ás 10.30 h, no Salón de actos do instituto, terá lugar a fase preliminar do concurso Tíralle da lingua, que a AS-PG convoca por décimoquinta ocasión. Os alumnos seleccionados para representar o IES Manuel Murguía asistirán á final galega de narrativa oral que terá lugar no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela o día 28 de abril. Os premios son de 250 € para o gañador de cada categoría e de 150 € para o segundo. Participade!  

Bases CinEOI Curtas 2015

Aberto o prazo para a recepción de curtas no CinEOI

O IES Manuel Murguía participa un ano máis no festival de curtametraxes CinEOI, convocado polo Equipo de Normalización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas da Coruña. Temos xa en marcha a realización de varias curtas, mais cómpre apurar. Xa está aberto o prazo para a recepción de curtas, que acaba o 6 de abril. Podedes ler aquí as bases completas do certame.  

Paula Carballeira

Quentando motores para o Tíralle da lingua con Paula Carballeira

Paula Carballeira non para. Tras o éxito que acadou hai uns cantos días no Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, rodeada dos mellores contacontos do mundo, tivémola unha vez máis no noso instituto, transmitíndonos historias, de medo, de dragóns ou de acotío, pero todas elas extraordinarias. Foi unha sorte para os alumnos de primeiro ciclo do IES Manuel Murguía asistir ao seu espectáculo. E agora, a contar vós! Lembrade que xa se convocou o concurso“Tíralle da lingua” e que, coma sempre, ten grandes premios. É a vosa oportunidade, contistas! Mirade as bases do concurso.

cartel cineoi 2015-cartel

Nova edición de CinEOI

enero 29, 2015 by CINEOI, CONCURSOS, FALA TV No Comments

Rapaces, a Escola Oficial de Idiomas da Coruña vén de convocar unha nova edición do seu festival de cine CinEOI 2015. De novo o IES Manuel Murguía colabora na categoría xuvenil, e ademais a Produtora Fala de raio xa está a desenvolver os guións para realizar novas curtametraxes e presentalas ao concurso. Se algún alumno do instituto se anima a unirse e participar, que entre en contacto coa profesora Begoña González. Veña, a ver se este ano volve a haber sorte e gañamos algún premio. Podedes ler aquí as bases do concurso.

concurso coca-cola

Concurso coca-cola 2015

Coca-cola volve convocar o seu concurso para descubrir o talento narrativo entre os mozos. Se es de 2ª da ESO e che gusta escribir, fala co teu profe de galego para que che inscriba antes do 20 de febreiro. Os días 17 e 18 de abril terás que ir á Coruña a unha proba escrita con outros escolares de diferentes centros. Entre os mellores desta fase seleccionarase a aqueles que poderán ir á fase final. Os gañadores desta edición poderán vivir experiencias moi estimulantes, como ir a clases de escritura creativa con famosos escritores. Anímate e participa!!