EDL do IES MANUEL MURGUÍA - Contáctanos

conferencia-tailandia-iesmanuelmurguia1

Viaxamos por un mundo diverso

junio 12, 2014 by ACTIVIDADES, OBRADOIROS No Comments

Ao longo destas últimas semanas o alumnado de 3º PDC, non deixou de sorprendernos pronunciando interesantísimas conferencias, integradas baixo o título xenérico de “Viaxamos por un mundo diverso” no ciclo “Todos ensinamos, todos aprendemos” que está a desenvolverse na biblioteca do noso centro. Tivemos ocasión de coñecer a través destas exposicións moitas cousas que non coñeciamos sobre Galicia, que nos achegou Diego Caamaño. Tamara Santos e Andrea Rozamontes fixéronnos máis próxima a realidade de Tailandia e Pedro Cancela e Adián Seixas centráronse en Venezuela. Kariama Mahdaoui, Nathaly Marín e Thais Salazar aproximáronnos a Ecuador e mais a Marrocos, lugar de orixe de boa parte do noso alumnado. Thais Salazar e Araceli Ventureira faláronnos sobre o pobo xitano e Carlos Contreras e Ismael Rozamontes finalizaron o ciclo ilustrándonos sobre a República dominicana. Así cada día, nunha biblioteca ateigada de público asistente, cada segundo recreo os propios alumnos fóronnos falando das súas paisaxes, linguas e comidas, e ata puidemos degustar algunha esquisitez, como té de menta ou doces típicos, todos deliciosos! Tamén fixeron soar as súas músicas, coa colaboración do alumnado de 1º ESO B. Estamos moi orgullosos destes alumnos pola calidade do seu traballo. Parabéns aos vosos profes, Cristina Galán e Begoña Campos, e a [...]

Talasonimia sepultada polas obras do Porto Exterior da Coruña.

Os nomes sepultados na Punta Lagosteira

mayo 21, 2014 by ACTIVIDADES, OBRADOIROS No Comments

No 2004 comezou a construírse o Porto Exterior da Coruña a carón do polígono de Sabón, na Punta Lagosteira. As obras levaron por diante o Castro do Cociñadoiro, un curioso castro costeiro, con casas rectangulares, e o máis antigo da provincia da Coruña. Moitos considerárono un drama! Pero non só supuxo a desaparición de parte da nosa historia material, senón tamén da inmaterial. Como nos contou onte Vicente Feijoo, é enorme a cantidade de nomes da costa que quedaron sepultados polas obras do porto exterior na Punta Lagosteira.  Fixádevos na ilustración!

Vicente Feijoo fálalles da toponimia de Arteixo aos alumnos do IES Manuel Murguía

Do Cu Cagado ao Quinto Pino e outros topónimos interesantes ;)

mayo 20, 2014 by ACTIVIDADES, OBRADOIROS No Comments

Por que en Oseiro hai unha pedra que se chama O Cu Cagado?  Disque é un nome habitual en toda a costa galega (por exemplo, O Con Cagado), porque son pedras cagadas polos corvos mariños, pero se cadra, como comentaban algúns alumnos que llelo oíron contar aos seus avós, débese a que cando baixa a marea esta pedra semella un cu cunha parte negra na rocha, como se estivera cagado. Por que non lle sacades unha foto á pedra e investigades o nome preguntándolles aos vosos avós? Investigar é o que leva feito arreo o noso convidado de onte, Vicente Feijoo Ares, que durante moitos anos foi o coordinador dos traballos de campo do proxecto Toponimia de Galicia e que actualmente traballa no Seminario de Onomástica da Real Academia Galega. Vicente estivo aquí no Instituto con alumnos de 3º ESO e de 4ºESO. Falounos de nomes ben curiosos do noso concello e das súas orixes: Lama Má, O Salto do Carro, A Silla do Rei, O Coto das Meigas, O Porto das Bendicions ou O Cabo Cociñadoiro. Ensinounos que detrás dos nomes hai paxaros, ríos, montes, pedras, ritos, lendas… Cantas sorpresas levamos! A partir de agora sen dúbida ímonos fixar máis nos topónimos do [...]

Jorge Saavedra no obradoiro de rodaxe cos alumnos de 1ºBAC do IES Manuel Murguía

Obradoiro de rodaxe con Jorge Saavedra. Si, si, o de Matalobos!

Este xoves tivemos unha visita de excepción no noso centro, a de Jorge Saavedra, director de series tan famosas como Matalobos e autor de numerosas curtametraxes. Jorge tivo un encontro cos alumnos de 1º de Bacharelato para traballar con eles en cuestións relacionadas coa rodaxe audiovisual. Aprendemos moito e saímos reforzados para seguir adiante coas curtametraxes que estamos a preparar. Non nos imos saltar o eixe, prometémoscho, Jorge! Queres ver todas as fotos? Entra aquí.

Dia-da-ciencia-con-Jorge-Mira

Grande éxito do Día da Ciencia con Jorge Mira

Desde onte no IES Manuel Murguía xa sabemos como cun simple pau, capacidade de observación e un pouco de trigonometría podemos calcular a distancia da Terra á lúa e ao sol, como xa fixeran os antigos gregos. Grazas á Coordinadora Galega de ENDL por esta marabillosa iniciativa. Podedes ver se queredes o vídeo completo da conferencia.

dia-da-ciencia-12.30h-slider_800x150

Dia da ciencia en galego con Jorge Mira, e por videoconferencia!

O vindeiro martes 12 de novembro participamos nas actividades do IV Día da Ciencia en Galego, organizada pola Coordinadora Galega de ENDL. En que consiste a actividade? Nunha videoconferencia con Jorge Mira. Quen é Jorge Mira? É profesor e catedrático de Física Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela. E tamén un coñecido divulgador científico e director do Programa ConCiencia. Tamén o coñecederes por ser un dos presentadores do programa da TVG Cifras e letras. Título da videoconferencia: Como medir tamaños e distancias da Terra, a Lúa e o Sol. En que consiste? Poucas etapas da historia amosaron un talento tan brillante como a da Grecia clásica. Jorge Mira contaranos como fixeron eses gregos para saber o tamaño do mundo que habitamos e calcular a distancia á lúa e ao sol e os seus tamaños, usando tan só o bo hábito de observar con coidado o que nos rodea. Quen vai participar? Os alumnos de 4ºESO e de 1ºBAC que estudan Física.  Data e hora Martes 12 de novembro entre as 12:30 e as 13:30. Lugar: Salón de actos do IES Manuel Murguía.

Obradoiro Titerehop – Os nosos títeres que cantan

Velaquí os nosos monicreques cantores: isto si que é ritmo

Obradoiro Titerehop – Noticieiro de Arteixo

O Noticieiro de Arteixo faise eco do Obradoiro Titerehop que realizamos coa compañía “Viravolta”. Podedes ver como cantan os nosos monicreques no seguinte vídeo.