EDL do IES MANUEL MURGUÍA - Contáctanos

DSC_0026

O IES MANUEL MURGUÍA ASISTE AO CONCERTO DE SÉS NA CORUÑA.

abril 25, 2019 by ACTIVIDADES, VISITAS No Comments

O alumnado de 2º ESO asistiu o pasado mércores, 24 de abril de 2019, ao concerto da cantante SÉS no centro ÁGORA da Coruña. A rapazada puido gozar da música desta fantástica artista e  falar con ela, quen incluso accedeu a retratarse cos nosos alumnos e alumnas. Queremos dende aquí dar as grazas ao concello da Coruña, que nos facilitou a asistencia a esta actividade; a SÉS pola súa simpatía e profesionalidade; e aos nosos rapaces e rapazas do Murguía polo seu comportamento exemplar. Agardamos que vos gustara!! Aquí van algunhas fotos.  

DSC_0072

PRADOLONGO E O SEU DIRECTOR, IGNACIO VILAR, NO MURGUÍA.

abril 9, 2019 by ACTIVIDADES, VISITAS No Comments

Hoxe tivemos o pracer de que nos visitara o director de cine Ignacio Vilar, autor de obras como A esmorga, Pradolongo, ou Sicixia; entre outras. Puidemos falar con el da súa carreira e filmografía, e de aspectos relacionados coa nosa cultura. Queremos agradecer dende aquí á produtora Vía Láctea o seu apoio e tamén ao concello de Arteixo pola cesión do auditorio. Grazas tamén a Ignacio Vilar pola súa simpatía, e ao alumnado polo seu magnífico comportamento.  

DSC_0051

DOLMEN DE DOMBATE, CASTRO DE BORNEIRO E CASA DE PONDAL.

abril 5, 2019 by ACTIVIDADES, VISITAS No Comments

5 -4-2019 O alumnado de 1º Bacharelato 4º e 3º ESO tivo a oportunidade de coñecer un dos monumentos megalíticos máis importantes da nosa terra: o Dolmen de Dombate. Tamén se aproveitou a viaxe  para achegarnos ao fermoso Castro de Borneiro e á casa natal do poeta Eduardo Pondal, que neste curso é obxecto de estudo na materia de Lingua Galega e Literatura e que está relacionado vital e literariamente con estes lugares. Aquí tedes algunhas fotos!      

DSC_0019

O ESCRITOR HÉCTOR CAJARAVILLE VISITA O NOSO INSTITUTO

Hoxe, 2 de abril de 2019, tivemos a sorte de contar coa visita do escritor Héctor Cajaraville,  que acudiu ao noso centro para falar da súa novela “O segredo da casa de Formoso”. Esta obra foi obxecto de estudo por parte do noso alumnado, que puido preguntar ao autor sobre a temática, os espazos, personaxes, e sobre todo aquilo que lles suxeriu a súa lectura.   Agradecemos a Héctor  Cajaraville a súa simpatía e amabilidade, o mesmo que á editorial Santillana/Obradoiro por facilitarnos a súa presenza.

DSC_0003

EROSKI-PARAÍSO

O alumnado de 1º de Bacharelato puido asistir a unha magnífica obra teatral que se representou no centro ÁGORA da Coruña. Tratouse dunha actividade organizada polo Equipo de Dinamización Lingüística e o Departamento de Actividades de Biblioteca do IES Manuel Murguía, que se desenvolve dentro do programa de saídas que levamos a cabo ó longo do curso e que ten como principal obxectivo achegar a rapazada do centro á realidade cultural que nos rodea. Neste caso falamos dunhas desas grandes obras ás que nos ten acostumado o grupo Chévere. Falamos de EROSKI-PARAÍSO, un traballo que ademais de divertirnos, fainos reflexionar sobre o mundo no que vivimos e os cambios sociais e económicos que se están a producir na nosa contorna. Agradecemos ao Concello da Coruña as facilidades para poder asistir á mesma, e por suposto ao alumnado que unha vez máis demostrou un comportamento excelente. Moitas grazas a todas e todos!!! Agardamos que vos gustara!

DSC_0302

MANUEL NÚÑEZ SINGALA VISITA O MURGUÍA.

Esta semana tivemos a oportunidade de contar no noso instituto coa presenza do escritor Manuel Núñez Singala, que nos explicou o proceso de creación da súa última novela, Noite de temporal. Nesta obra cóntasenos o naufraxio real do vapor Santa Isabel, coñecido como o Titanic galego, e a posterior intervención heroica dos habitantes de Sálvora e Ribeira, que arriscaron as súas vidas para tentar rescatar aos náufragos. Esta obra é unha homenaxe a esa xente que non dubidou en botarse ao mar no medio dunha treboada para axudar aos demais. O autor tivo a amabilidade de asinar libros e contestar ás preguntas que lle formulou a rapazada do centro.   Moitas grazas a Manuel Núñez Singala e a Ánxela, a representante da editora Santillana, que fixo posible a súa visita.  

DSC_0232

CASTELAO MAXISTRAL. A DERRADEIRA LECCIÓN DO MESTRE.

O alumnado do noso instituto achegouse á sempre recomendable cidade compostelá para contemplar esta magnífica obra que Castelao pintou como homenaxe a Alexandre Bóveda, e a todos aqueles que foron asasinados durante a represión franquista. Tratábase dunha oportunidade única, xa que este cadro regresará a Arxentina proximamente. O alumnado tamén tivo a oportunidade de pasear pola cidade e gozar dos seus monumentos e da súa gastronomía. A visita completámola achegándonos ao Museo das Peregrinacións. Queremos agradecer aos guías da Exposición Castelao Maxistral, e do Museo das Peregrinacións, a súa profesionalidade e as magníficas explicacións coas que nos deleitaron. Grazas tamén ao alumnado polo seu exemplar comportamento!    

DSC_0047

REAL ACADEMIA GALEGA E ROTEIRO POLA CORUÑA (30 de outubro e 6 de novembro, 2018)

octubre 30, 2018 by ACTIVIDADES, VISITAS No Comments

O alumnado de 4º ESO realizou un percorrido polas rúas coruñesas para coñecer lugares como as casas onde viviron Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Francisca Herrera Garrido, a sede da editorial Nós e da revista Alfar,  o lugar da primeira exposición de Picasso, o monumento a Curros, o  lugar onde se crearon as Irmandades da Fala,  a casa de Juana de Vega,  o monumento en homenaxe a Sir John Moore… A continuación achegámonos á Real Academia Galega e á Casa Museo Emilia Pardo Bazán. Aquí a rapazada recibiu información sobre esta institución e as súas funcións, ademais de coñecer a historia da escritora a quen pertenceu este inmoble. Agradecemos o comportamento do alumnado e a acollida por parte dos empregados e empregadas da RAG.  

Baixa (13)

MUTANTE CREATIVO E O NOSO ALUMNADO DÉIXANNOS UN FERMOSO MURAL NO MURGUÍA.

Esta semana estiveron connosco os polifacéticos artistas de MUTANTE CREATIVO, moi activos e coñecidos no mundo do graffiti e o muralismo, dentro e fóra das nosas fronteiras. Ademais son responsables da organización de eventos tan coñecidos neste eido como os festivais DesOrdes Creativas (Ordes), ou RExenera Fest (Carballo), por poner algún exemplo. Sokram e Mou impartiron un obradoiro de arte urbana, no que explicaron a historia desta corrente plástica, e ensináronlle, de maneira práctica, á rapazada do IES MANUEL MURGUÍA como se realiza un mural. Familiarizámonos co uso de aerosois e como resultado deixáronnos un excelente traballo que podedes ver nas fotos que engadimos máis abaixo. Temos que agradecer tamén á Deputación da Coruña a súa colaboración connosco a través da campaña “O galego a nosa lingua propia”, por facer posible esta actividade. Moitas grazas a toda a xente que participou dun xeito ou outro neste mural!!

Teresa Seara no concello Arteixo

O IES MANUEL MURGUÍA DEFENDE A NOSA TOPONIMIA.

junio 11, 2018 by BLOG, CIENCIA, VISITAS No Comments

A rapazada do noso instituto loita por cambiar a toponimia castelanizada da nosa cidade. Proba disto é a visita que fixeron ao concello para buscar apoios na súa campaña para que Google modifique a denominación Arteijo, pola autóctona e oficial, Arteixo. Esta reivindicación é froito dun estudo que está desenvolvendo o alumnado de 2º B ESO, no marco do proxecto: “Superdiversidade lingüística en áreas periurbanas. Análise escalar de procesos sociolingüísticos e desenvolvemento da conciencia metalingüística en aulas multilingües”. Este traballo  estano levando a cabo as investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela, Gabriela Prego Vázquez e Luz Zas Varela, en colaboración coa profesora do noso centro, Teresa Seara e o seu alumnado de 2º B ESO. Trátase du proxecto a través do cal a rapazada analiza a paisaxe lingüística do concello de Arteixo. Cando estaban traballando, decatáronse de que non se estaba empregando a forma correcta nos mapas de Google. Por este motivo, decidiron enviarlle unha carta a esta multinacional solicitando o cambio pola topónimo oficial, Arteixo. Moita sorte coa vosa reivindicación!! Parabéns polo traballo realizado!!