EDL do IES MANUEL MURGUÍA - Contáctanos

O mércores, entrega de premios de CinEOI Coruña Curtas

Un ano máis os alumnos de 1º BAC do noso instituto, a través da nosa produtora audiovisual Producións Fala de raio, participan na categoría xuvenil do certame CinEOI Coruña Curtas. A ver se este ano temos sorte, coma o ano pasado, e levamos de novo algún premio.

Este concurso vai xa pola súa quinta edición, e celebrará a súa tradicional gala de premios o vindeiro mércores 22 de abril no Salón de Actos da Escola Oficial de Idiomas da Coruña.

Este ano o acto contará coa presenza do humorista Xosé Antonio Touriñán, famoso polo seu papel de Mucha nas “Cantareiras de Ardebullo”. Touriñán ten unha proba dura recollendo o relevo como presidente de honra dos que xa o foron nas edicións pasadas: nada menos ca Luís Tosar no ano 2012, Luís Iglesia no 2013 e Isabel Blanco no 2014.

Como sempre, e como se pode ver na curta promocional, premiarase a imaxinación, a creatividade, o compromiso e o humor, por riba do dominio técnico, como lle corresponde a un concurso no que se convida á participación de alumnos das escolas de idiomas e dos institutos e escolas.