EDL do IES MANUEL MURGUÍA - Contáctanos

kailash satyarthi-alumnas 3eso

O sorriso do Premio Nobel, por Ana Díaz

mayo 15, 2015 by NO ESCENARIO No Comments

O pasado xoves tiven a fortuna de asistir, xunto con Charo Martín -outra profesora do IES Manuel Murguía de Arteixo- e de varios alumnos de 3º ESO B, á conferencia que deu Kailash Satyarthi en Palexco, o Pazo de Congresos e Exposicións da Coruña. Os alumnos están a facer unha curtametraxe sobre Malala, e este activista hindú compartiu o premio Nobel da Paz 2014 coa rapaza paquistaní.

Kailash Satyarthi loita dende hai varias décadas contra a explotación infantil de calquera xénero e en calquera lugar. Estudou enxeñería eléctrica, pero un día deixouno todo por un obxectivo que lle pareceu máis importante.

Dende o momento en que aparece no escenario, Kailash impacta. É alto e delgado. Vai vestido con roupa de gala do seu país e fala de xeito pausado. Xesticula pouco ,pero sorrí constantemente. Fala con naturalidade e sen dramatismos das inxustizas terribles que viviu en primeira persoa. Explica coa sinxeleza dun neno que os gastos militares dun só día no mundo poderían remediar a fame dun ano.

Kailash insiste na importancia da compaixón, de poñerse no lugar do outro. “Eses nenos que están a ser explotados son os nosos fillos, os nosos irmáns”. Non podemos mirar para outro lado.

Amosa determinación. Nótase que está afeito a atopar atrancos no seu camiño sen perder a compostura. Baixo unha cadencia doce de voz, adivíñase unha vontade de ferro.

Lanza unha mensaxe optimista: antes as cousas estaban peor; agora existe unha maior concienciación social. Defende que na forza da xuventude está a clave para cambiar o mundo. “HAI QUE SOÑAR AO GRANDE”, afirma con convicción. Semella un Don Quixote moderno, máis cordo, pero loitando contra xigantes coma sempre.

Ao remate hai uns aperitivos e déixase fotografar con todo o que llo pide, que somos case todos. Non deixa de sorrir en ningún momento nin amosa sinais de cansazo. Préstalles unha atención especial aos nenos e adolescentes.

Estivo moi preto de nós, pero sentías que estaba feito doutra materia: a súa ollada limpa, o seu sorriso, a súa calma: cree nuns ideais e lévaos a cabo. Di que cando comezou a liberar nenos da explotación, liberouse el mesmo. É o Premio Nobel da Paz. Esta vez acertaron.