EDL do IES MANUEL MURGUÍA - Contáctanos

letrasgalegas2014-slider

Se ten que chover, que chova…

Fala de raio quere unirse hoxe, o Día das Letras Galegas, á homenaxe a Xosé María Díaz Castro.

  • Porque sabía do valor das cousas pequenas e humildes pero bonitas e nos amosa por que non debemos pisotear nada que teña vida:

Herba perquerrechiña
que con medo sorrís
ó sol que vai nacendo
e morrendo sen ti,

¿por que de ser pequena
te me avergonzas ti?

¡O Universo sería
máis pequeno sen ti!

  • Porque se comprometeu fondamente co país. Son moitos os exemplos de poesía reivindicativa nas nosas letras, pero “Penélope“, o máis coñecido de Díaz Castro, deu cunha das mellores definicións de Galicia:

Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡ Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados como sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!

Iso si, en Fala de raio aceptamos que se ten que chover, que chova!, pero de ‘vergonza’ e de ‘pasos atrás’ non queremos saber nada!