EDL do IES MANUEL MURGUÍA - Contáctanos

Estrea en Fala de raio de : Outra vez resaca

diciembre 3, 2015 by ACTIVIDADES, CINE, FALA TV No Comments

Algunha vez espertaches e non lembrabas a noite anterior? Pois mira e verás……..

Estrea de As tres portas en Fala de raio

Velaquí a curta que levou o segundo premio no OUFF Ourense, a sección escolar do Festival Internacional de Cine de Ourense. Nela Andrea Leis, Andrea Pallas, Alberto Clemente, Paula Abeledo e Meryama Errami, alumnos de BAC do IES Manuel Murguía de Arteixo, recrean a historia dunha repartidora a domicilioque sofre porta tras porta a excentricidade dos habitantes das casas nas que entrega os paquetes. Non a podedes perder!

“As tres portas” gaña o 2º premio OUFF Escola de Ourense 2015

O noso centro acadou este ano o segundo premio por esta curtametraxe que conta a historia dunha repartidora de paquetería que non ten un bo día… Parabéns a Ana, Andrea, Alberto, Paula e Meryama polo seu gran traballo! E máis tendo en conta que este ano era un certame moi reñido, pois foi o de maior cantidade de curtas presentadas. Aquí tedes o vídeo da entrega de premios.  

cgai-hector rodriguez presenta low costo

Héctor Rodríguez presenta Low Costo no CGAI da Coruña

junio 27, 2015 by ACTIVIDADES, CINE, CINEOI, FALA TV No Comments

O alumno de 1º BAC Héctor Rodríguez foi convidado este sábado 27 de xuño a presentar a súa curta Low costo nunha xornada especial no CGAI, o Centro Galego de Artes da Imaxe da Coruña. Nela emitíronse as curtametraxes gañadoras na pasada edición 2015 de CinEOI Coruña Curtas e os seus autores puideron explicar a súa experiencia e os seus proxectos no mundo do audiovisual.

Conversamos con Xurxo Souto

Os alumnos de 3º ESO C conversan telefonicamente con Xurxo Souto sobre a figura dun dos grandes da música galega, Pucho Boedo, con motivo da presentación sobre Pucho que fixeron no I Congreso escolar Superación e resistencia. Xurxo Souto é un persoeiro galego ben coñecido por ser o vocalista do grupo de rock bravú Os Diplomáticos de Monte Alto e por conducir durante anos varios programas sobre música galega na Radio Galega.  

Son o dono do meu destino, son o capitán da miña alma

junio 8, 2015 by ACTIVIDADES, NO ESCENARIO No Comments

Velaquí un fermoso poema inglés versionado en galego polos alumnos de 1º ESO A de Ámbitos.  Hai pouco, con motivo do I Congreso escolar Superación e resistencia, estes rapaces fixeron un excelente traballo sobre a figura de Nelson Mandela, un dos exemplos máis admirables de resistencia ante a adversidade de toda a historia mundial. Coa película Invictus de Clint Eastwood, baseada no libro O factor humano, popularizouse o poema que acompañou a Mandela durante os seus 27 anos en prisión e que o axudou a soportar o insoportable. Trátase duns fermosos versos do século XIX do poeta William Ernest Henley, que acaban así: “Son o amo do meu destino. Son o capitán da miña alma”. Pola alma de Mandela e por todas as outras almas inconquistables!  

Conversamos con Iván Prado

Velaquí un novo proxecto de Fiestra Aberta. Ainhoa , de 3º ESO D, no nome dos compañeiros da súa clase, conversa con Iván Prado. Iván Prado forma parte do colectivo Pallasos en Rebeldía e é un dos impulsores do Festiclown, o máis importante festival internacional de clown. Ambos falan sobre proxectos de circo social transformadores da realidade en lugares tan dispares como Galicia, Chiapas, Palestina ou Brasil.

Conversamos con Iván Montero

Os alumnos de 3º ESO E entrevistaron hai non moito a Iván Montero, un veciño noso de Arteixo que desgraciadamente o ano pasado perdeu as pernas nun accidente de tráfico cando adestraba coa bicicleta. Podedes ver a entrevista enteira para coñecer de preto o proceso de superación persoal este home, pai dun dos alumnos do noso instituto, que non se rende e está a prepararse para os vindeiros xogos paraolímpicos. Javi Naya, Adrián Lestón, Daniel Álvarez e Daniel Romero son os encargados de conducir esta entrevista no nome dos seus compañeiros.

candidaturas olloboi

Low costo e Novos veciños, finalistas no certame Olloboi 2015

As curtametraxes ‘Low costo‘ e ‘Novos veciños‘, feitas integramente por alumnos de 1º BAC do noso centro, son finalistas en varias categorías do certame audiovisual Olloboi 2015. As categorías do concurso son 10 (Cómico, Pelón, Fotoxénico, Orixinal, Online, Animado, Zamburrioi, Especial Embarcacións tradicionais e Universidade e Escolas audiovisuais). Presentáronse a este certame 60 centros e 149 curtametraxes, así que non está nada mal! ‘Low costo’ é finalista en 4 categorías: Fotoxénico, Orixinal, Online e Zamburrioi. Parabéns a Héctor Rodríguez, coguionista e director, a Bieito Romero, o outro coguionista, e ao resto de participantes. ‘Novos veciños’ é finalista na categoría Orixinal. Parabéns tamén aos seus autores, do director Martín Naya, aos técnicos e actores e actrices. Moita sorte a todos o vindeiro sábado 30 de maio. Estaremos alí, na Gala final, en Boiro, participando dunha nova festa do cinema en galego. Podedes ver todos os candidatos e datos do certame na web de Olloboi e no Facebook de Olloboi.    

Hoxe o galego en… Polonia

Fernando, Diego, Iván e Chechu, alumnos de 1º ciclo do IES Manuel Murguía, conversan con estudantes polacas que aprenden galego na Universidade de Varsovia. Grazas a eles e tamén á súa profesora Rebeca Lema. Unha aperta desde Arteixo!