EDL do IES MANUEL MURGUÍA - Contáctanos

“Moulin Rouge”, can-cán e maxia no instituto

marzo 26, 2015 by ACTIVIDADES, NO ESCENARIO No Comments

Hai momentos máxicos na vida dun instituto, e hoxe foi un deles, co traballo dos nosos compañeiros feito realidade nun escenario. Uns alumnos en estado de graza entregados ao seu labor, sabendo o que é querer facer ben as cousas. O ronsel dos aplausos seguirá enchendo as nosas aulas. Estamos a falar da magnífica representación do musical “Moulin Rouge” da que hai unhas horas fomos testemuñas todos os que enchiamos o Centro Cívico de Arteixo. Foron os alumnos de música do IES Manuel Murguía, coas súas propias voces, os que lle deron vida a este cabaret parisino. Satine e Christian loitando polo seu amor, o duque de Monroth coas súas perversas intencións, Toulouse-Lautrec como representante da bohemia decadente e libertina do París da Belle Époque, e un soberbio Zidler lembrándonos continuamente que o espectáculo debe continuar cobraron vida na interpretación de Alba, Natahel, Pedro, Esteban e Alberto. Uxía e Verónica deslumbráronnos coas súas voces: corpos brancos, mais almas negras de blues as destas rapazas! E ao seu carón, magníficos secundarios: inesquecibles o can-cán e a danza do ventre no que as alumnas do instituto comprometeron a súa reputación, como corresponde ao xénero, e inesquecible tamén o tango de Manuel e Laura, rodeados [...]