EDL do IES MANUEL MURGUÍA - Contáctanos

Estrea de As tres portas en Fala de raio

Velaquí a curta que levou o segundo premio no OUFF Ourense, a sección escolar do Festival Internacional de Cine de Ourense. Nela Andrea Leis, Andrea Pallas, Alberto Clemente, Paula Abeledo e Meryama Errami, alumnos de BAC do IES Manuel Murguía de Arteixo, recrean a historia dunha repartidora a domicilioque sofre porta tras porta a excentricidade dos habitantes das casas nas que entrega os paquetes. Non a podedes perder!

“As tres portas” gaña o 2º premio OUFF Escola de Ourense 2015

O noso centro acadou este ano o segundo premio por esta curtametraxe que conta a historia dunha repartidora de paquetería que non ten un bo día… Parabéns a Ana, Andrea, Alberto, Paula e Meryama polo seu gran traballo! E máis tendo en conta que este ano era un certame moi reñido, pois foi o de maior cantidade de curtas presentadas. Aquí tedes o vídeo da entrega de premios.  

producions fala de raio

Producións Fala de raio, finalista no Ouff Escola

As curtametraxes realizadas o curso pasado polos alumnos de 1º Bac do IES Manuel Murguía coa súa promotora Producións Fala de raio son finalistas do “OUFF ESCOLA”, o certame escolar do Festival Internacional de Cine de Ourense. O día 19 de novembro é a gala de entrega de premios. Nela coñeceranse os gañadores desta edición, na que participan 76 películas realizadas por estudantes de institutos de toda Galicia. Os traballos foron valorados por un xurado composto por César Silva, director de programación do OUFF, Carlos Montero Álvarez, fotógrafo e crítico de cine, Paz Villar, coordinadora do proxecto Cine e Saúde, Manoli Maseda, coordinadora provincial das equipas de normalización e dinamización Lingüística e Gregorio Ferreiro Fente, representante de Secretaría Xeral de política Lingüística. O OUFF Escola entregará un primeiro premio de 600 euros, un segundo premio de 400 euros, e o Premio Blanco Amor ao Mellor Guión, dotado con 300 euros.