EDL do IES MANUEL MURGUÍA - Contáctanos

Fura trompos

Outras variantes sociais do xogo do trompo… En fin, esperemos non acabar mal. Polo teu ben, practica Rompe trompos. É unha variante do xogo do círculo no que se “ataca” o trompo dos outros para paralo ou sacalo do círculo. Neste caso lánzase de forma brusca e inténtase darle co ferrón no pirucho do outro. Neste caso, os trompos sofren as consecuencias: desde unha marca ou “becho” ata partir o trompo. De aí o nome do xogo.

trompo-xogoscolectivos-circulo

Xoga ao trompo con amigos

O xogo do trompo ten moitas variantes sociais: A sorte da “raia”. Para saber quen comeza a xogar en calquera xogo, bótase a sorte da raia, que consiste en que todos os xogadores lanzan o seu peón cara a unha raia. A orde de colocación para empezar dependerá da distancia á que quede cada peón desa raia. O primeiro será o que quede máis preto. O xogo do círculo. Trázase un círculo no chan e faise bailar o trompo. Deseguido outro compañeiro lanza o seu coa finalidade de sacar o trompo do primeiro do círculo. Así van lanzando todos os participantes. Gaña quen dá mantido o seu trompo dentro do círculo. Sacar obxectos. É outra variante do xogo do círculopero o que se intenta sacar neste caso son outros obxectos: bólas, chapas, moedas… O cadeliño: báilase o trompo e condúcese colocando a piola arredor do ferrón e xuntando os dous cabos nas mans para facilitar o seu desprazamento.

trompo-habilidades-levantalococordel

Es un virgalleiro co trompo?

Que clase de virgalladas sabes facer co trompo? Atréveste co ascensor? Faille un lazo coa piola arredor do ferrón, colle a piola polos dous cabos e tira dela cara a arriba levantando o peón no aire e recolléndoo bailando na cunca da man. Dás feito a serra? Baila o trompo e coloca a piola arredor del, collida cunha man polos dous cabos e pola dobrez coa outra. Axústaa o máis posible ao ferrón e levántaa no aire. Vai inclinando o cordel para que o peón se desprace polo raíl que formaches.Practica e fai fotos ou grávate. Colgarémolas da web.

trompo-habilidades-bailalonope

O trompo, báilao no corpo

Onde dás bailado o trompo? Na cunca da man? No dedo? No pé? Na perna? No peito? Lembra: o 11 de novembro, exhibición de trompos no IES Manuel Murguía.  Practica e fai fotos ou grávate. Colgarémolas da web.

trompo-tuneado (2)

Tunea o teu trompo

Hai moitos xeitos de personalizar o teu trompo. Podes pintar nel bandas horizontais que fan un curioso efecto multicolor ao bailar o peón. Podes deseñar caras ou outros motivos decorativos que che gusten. Fíxate nos bonitos peóns que se decoraron outros anos no instituto na clase de Plástica. Tunea o teu e tráeo o día 11 á xornada de exhibicións que vai ter lugar no instituto. Buscaremos o máis orixinal.

trompo-apaisado_750x380

Polo San Martiño, trompos ao camiño

Como di o refraneiro popular, “polo San Martiño, trompos ao camino” e “polo San Amaro, trompos ao faiado”. Iso significa que o trompo se xoga tipicamente nesta época do ano, entre o 11 de novembro e o 15 de xaneiro. O trompo chámase tamén peón, buxaina, bailarete… É un xoguete de madeira que leva na súa punta un cravo de ferro ou ferrón sobre o que vira o trompo. A parte de arriba chámase pirucho e a máis ancha é a barriga. Para facer bailar o trompo hai que amarrar unha piola, que é unha corda de medio metro que se amarra da maneira máis tensa posible arredor da barriga do trompo e que se solta rapidamente para facelo virar. No estremo d a piola adóitase facer un nó para evitar que escorregue entre os dedos. Claro que outro refrán moi noso di, que “polo San Martiño, castañas e viño”, e que “as castañas que despois do San Martiño quedan no souto, son do moucho”. Así que antes de que o moucho se apodere delas, a bailar o trompo, a facer magostos.