EDL do IES MANUEL MURGUÍA - Contáctanos

festipopeons_web

Premio no Festipopeóns

O traballo dos nosos alumnos elaborando artesanalmente peóns cada ano por iniciativa do Departamento de Educación Física levou estes días o “Premio de decoración de peóns” no III Festipopeóns, o Festival Ponteceso de Peóns, que organizan a Fundación Ricardo Pérez y Verdes e mais o Melga, o Museo Etnolúdico de Galicia. É un interesantísimo certame que ten como obxectivo principal difundir e divulgar este xogo. A nosa embaixadora en Ponteceso foi a profesora Ángeles Lence, que deleitou as moitísimas persoas que enchían o recinto do Centro Cultural co seu saber, pedagoxía e bo facer e amosou no nome dos alumnos do IES Manuel Murguía unha ampla colección de peóns. Podedes ver algunhas fotos dos peóns e dos trofeos no álbum colgado no Facebook de Faladeraio.

trompo-apaisado_750x380

Polo San Martiño, trompos ao camiño

Como di o refraneiro popular, “polo San Martiño, trompos ao camino” e “polo San Amaro, trompos ao faiado”. Iso significa que o trompo se xoga tipicamente nesta época do ano, entre o 11 de novembro e o 15 de xaneiro. O trompo chámase tamén peón, buxaina, bailarete… É un xoguete de madeira que leva na súa punta un cravo de ferro ou ferrón sobre o que vira o trompo. A parte de arriba chámase pirucho e a máis ancha é a barriga. Para facer bailar o trompo hai que amarrar unha piola, que é unha corda de medio metro que se amarra da maneira máis tensa posible arredor da barriga do trompo e que se solta rapidamente para facelo virar. No estremo d a piola adóitase facer un nó para evitar que escorregue entre os dedos. Claro que outro refrán moi noso di, que “polo San Martiño, castañas e viño”, e que “as castañas que despois do San Martiño quedan no souto, son do moucho”. Así que antes de que o moucho se apodere delas, a bailar o trompo, a facer magostos.